DAVIDE SALVADO
Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida
recorrendo as aldeas en busca de ritmos, coplas e danzas. Das mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na
música, senón todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan
do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.
No 2003 comenzou a súa carreira profesional xunto a Ugia Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois,
uníuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros coma o cabaret ou o teatro. Davide colaborou ademáis en varios traballos
discográficos, entre outros Galiza de Kepa Junkera ou Sing me Home de Yo-Yo Ma & Silk Road Ensemble, gañador do GRAMMY 2017 a Best World Music Album.